Teresa Argibay (Pintora)
«Nin busco parecerme a ninguén nin esa é a miña preocupación»
Amante de probar con cores e perspectivas, ten unha intensa actividade
Charlando con Teresa Argibay, e contemplando a súa extensa obra, aprendín que o rol seminal du/nha artista é facer visibles a voz muda do cadro, a súa imaxe polivalente e as súas relacións indisolubles co tempo e coa sociedade á que pertence. E, por ende, o sometemento ao gusto e criterio crítico do público receptor como gran valedor. E aprendín tamén que a música, triste ou alegre -segundo o estado de ánimo- é a súa fiel compañeira -e conselleira- á hora de crear.
-Entre os distintos estilos pictóricos da historia da arte, cal utilizas máis?
-Gusto do impresionismo e do expresionismo e, ás veces, intento que as miñas obras se encamiñen cara a algún destes estilos. Digo ás veces porque adoito probar e experimentar tanto coas cores como coas perspectivas, os encadres, as formas, e tamén coas texturas, buscando algo diferente ao déjà vu. En consonancia co espírito posmodernista no que habitamos, nunca vén mal actualizar estilos ou modas pasadas. Imaxinemos os efectos dunha Gioconda ou dunha Rapaza da perla en estilo cubista ou pop. E atráeme tamén a pop art e, ultimamente, a pintura abstracta, que vexo coma unha evolución.
–Respecto dos xéneros en pintura, cal te chama máis?
-Na miña obra non existen flores en vaso, nin naturezas mortas. Prefiro as paisaxes vivas: flores no seu hábitat natural, árbores, mariñas en todos os seus estados e cores, o ambiente de Santiago… Pero pinto tamén follas, cunchas das praias, semiespidos, follas de árbores… e algún que outro retrato. Non fago, ou moi raramente, pintura de xénero.
-Que grandes mestres da pintura che gustaría imitar? Tes algún modelo en especial que te deixe sen alento?
-Modelos principais? Teño algúns que me quedaría admirando sen pestanexar horas e horas: toda a serie de Nenúfares, de Monet, pura harmonía tonal. Admiro, así mesmo, as obras que Klimt dedica aos bosques, hortos e campos de papoulas. As mariñas luminosas de Sorolla, perfecto dominio de luz e cor, trazo firme e seguro para unha temática que é tamén miña: o mar. Na práctica, nin busco parecerme a ninguén nin esa é a miña preocupación. Se o resultado me convence… pois conseguido! Pero as influencias son inevitables, se non produtivas. E logo está o papel da imaxinación e o seu poder de renovación e transformación, sempre inevitable e orixinal. Nihil novum sub sole.
-Que papel coidas que xogan as galerías e os museos, sobre todo para u/nha artista que comeza? E as políticas municipais?
-Para u/nha artista que comeza ante todo, é moi importante que todos os medios, museos, salas de exposicións e galerías estean á súa disposición cara á organización de eventos. Porén, é unha pena que na nosa comarca non se amose o suficiente aprecio pola arte. Precisamos máis espazos públicos, máis certames, máis concursos e feiras… En definitiva, que os poderes públicos se impliquen máis na arte local, e así poder acercarmos a poboación -e, sobre todo, as novas xeracións- ao universo artístico e á cultura da arte en xeral. Temos moi bos artistas que non teñen posibilidades de amosar as súas creacións, que é á fin a principal causa de desmotivación para moitos de nós: para que vou pintar se non hai onde mostrar a obra? A balanza dos presupostos municipais segue desfavorecendo a cultura en xeral e a arte en particular.
-Que importancia dás ao debuxo e á cor á hora de pintar?
-Moita. Acostumo facer esbozos ou pequenos formatos antes de aplicar a cor, sobre todo cando pinto con acuarela, onde unha equivocación ou erro pode ser irremediable. O debuxo previo evítame moitas complicacións. Ademais, gusto do debuxo. Teño obras que só son debuxos. Debuxos con grafito ou carbón. Logo, claro, adoro a explosión da cor, cores vivas, harmónicas. A cor posúe un valor espiritual, sensual. A vida discorre en cor, e a cor é vida. Por iso as miñas obras están cheas de vida. Odio pintar temáticas tristes. É fin, o destino dun cadro é agradar. Unha opinión un tanto persoal, pero é a miña. Utilizo moito o vermello pois é forza, vitalidade, enerxía e provocación á vez. Os tons terra tamén me atraen moito. E gusto do azul en case todas as súas tonalidades porque me transmite inmensidade, liberdade, espazo, frescura… En xeral, adoito utilizar todas as cores, inda que, á hora de pintar mesmo un espido, seguro que lle poño algo en vermello.
–Que é pintar para ti? Unha obriga? Unha afección? Unha paixón?
-A ver… Pintar é a maneira máis libre e persoal de expresarme, de mostrar a miña alma. Nin por obriga nin por afección. Por iso, cando me compran algo, están comprando unha parte da alma, un momento de vida, consecuencia de moitas horas de fracasos talvez, e dalgún que outro experimento ou investigación. Estanse levando días, semanas ou incluso meses de probas, frustracións e tamén satisfaccións, loxicamente, que é a finalidade de toda artista.
Autodidacta por decisión propia
Nacín en Palmeira. De moi pequena fomos vivir ao Sur, a Alxeciras, Cádiz, e logo, cando xa estaba cansa de todo, casei e marchamos, o meu home e mais eu, a vivir e traballar a Suíza.
Autodidacta desde sempre por decisión propia, unicamente asistín a clases de pintura cando era moi nova, na Escola de Arte de Alxeciras. Nunca me gustou que me digan como teño que pintar, ou que alguén me impoña as súas preferencias de estilo ou técnica. Lembro que de pequena, cando ía ao parque coas amigas, xogabamos a debuxar caras de mulleres no chan e competiamos a quen lle saíse mellor.
En Suíza non tiven tempo para dedicarlle á pintura, pero, ao traballar nun museo de belas artes e gravado, o Jenisch Vevey (cantón de Vaud), algo interior se foi espertando en min ata converterse en fervente desexo. Sentíame frustrada por non poder facelo, pero encantada de sentirme rodeada de tan grandes e variadas obras, de diferentes estilos e técnicas, dende un Durero, Rembrandt, Coubet, Balthus, Ferdinand Hodler, Picasso e, sobre todo, Oskar Kokoschka…
Acuarela, primeira técnica
Xa de volta das suízas, en Palmeira e cos rapaces grandes, é cando teño máis tempo para min. Creo que nunca me iniciei na pintura, senón que a pintura e o debuxo xa viñan comigo dende un principio xa que, no meu 14 aniversario, unha das convidadas ao cumpre regaloume unha caixiña de acuarelas. Encantoume! E o mesmo día xa me puxen a garabatear co pincel nun folio. Aí empezou o meu romance coa pintura, coa cor.
Así que a miña primeira técnica foi a acuarela; o óleo viría logo, así coma o pastel ou o acrílico. Hai moitos anos que a acuarela e mais eu somos amigas íntimas pola facilidade que ofrece a súa rapidez de secado e pese a que necesite traballo previo: debuxo, protexer zonas, humedecer outras…, e de que case non se poida rectificar o traballo unha vez feito.
Exposicións anuais
Veño facendo exposicións cada ano, a partir do 2012: Porto do Son, Ribeira, Pobra, Boiro, Brión, Café casino de Santiago…
Participo en BarbantiaRte, e cada ano en Artemar-Ribeira. Teño participado varias veces no certame de pintura ao aire libre de Noia. E fun finalista en 2018 na décimo cuarta bienal de pintura José Luís Fernández, de Boiro.